Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares
Casa Reitoral de Ferreira, 6 - 27211 - Guntín (Lugo)
+34 982 320 056
info@asociacionmosteirodeferreira.es
O Mosteiro de Ferreira de Pallares
O mosteiro de Santa María de Ferreira de Pallares erixiuse na segunda metade do século IX. Foron os seus fundadores o conde Ero Fernández e a súa segunda esposa dona Elvira, magnates asentados nestas terras do interior da provincia luguesa, tal e como se deduce da doazón da propia villa de Ferreira, que realiza Gugina, filla política do conde Ero, a Santa María en 939, “secundum illa obtiuerunt domnus Herus et domna Giluira”, ou mesmo dun pergameo do século XIII no que se relacionan os descendentes do seu fundador e onde se di que foi herdade e casa do conde Ero. Don Ero Fernández contraeu matrimonio dúas veces. Primeiramente casou con dona Adosinda, da que non posuímos datos, sendo proxenitores de Aldara Eiriz, desposada con Guterre Menéndez, e pais de San Rosendo. Do segundo matrimonio, con dona Elvira, descenden Gudesteo, casado con Gugina e a quen diversos historiadores consideran a ela como filla, Diego e, probablemente, Goto e Tareixa, casada esta con Gonzalo Betótez, conde do Deza.
A súa creación debe enmarcarse dentro da tradición familiar imperante na época altomedieval. Os señores feudais buscan a salvación eterna da súa alma e a dos seus familiares, presentes e futuros, para o que fundan pequenos cenobios dentro das súas propiedades, coa finalidade de poder pasar alí os seus últimos días de vida terreal, arrepentíndose dos seus pecados e onde, ademais, poidan ser soterrados. Escollían un val de fértiles terras, con abundancia de auga e con posibilidades de obter unha excelente rendibilidade, e alí levantaban o templo, os lugares de habitación dos monxes e os espazos onde gardaban os animais e os cereais, de tal maneira que estas construcións se convertían en centro da vida relixiosa, agrícola e artesanal da comarca. E isto sería o que fixo o fundador de Ferreira, convivindo nos seus inicios en sociable harmonía monxes e familias.
O primeiro diploma que amosa referencias do mosteiro é unha doazón datada en 898, aínda que ata nós chegou nunha copia do s. XIII. Nela, a outorgante, dona Elvira, esposa do conde Ero, cédelle a Santa María de Ferreira, a terceira parte dos bens herdados dos seus pais e mais a metade dos que adquiriu co seu marido e o resto déixallelo aos pobres. Así mesmo, concédelles a liberdade a diversos servos. Á parte do ofrecemento de terras e gando nos lugares de Couso e Comeás (Ligonde) e Pradedo, hoxe pertencente á parroquia de Vilameá, dóalle tamén unha manta co letreiro de Santa María no bordo, unha colcha co mesmo letreiro e un chumazo co letreiro de dona Urraca. Esta doazón supón xa o desenvolvemento de certa actividade monástica.
Con todo, a creación debeu ser anterior a estas datas, aínda que descoñecemos a carta fundacional. O que parece máis verosímil é que fose o conde Ero quen dotou primeiramente ao cenobio, cedéndolle, entre outros, a metade dos bens gananciais adquiridos con Elvira, e se retirase alí antes de que a súa esposa realizase esa doazón –na que ela fai entrega da outra metade-, quizás tomando os hábitos de monxe, como se testemuña na concesión que realiza Gugina en 939, citada anteriormente, e na que se di: “ubi Herus comes habitabit”.
Ademais deste texto escrito, na actual fachada leste do priorado- reitoral existen dous elementos incrustados na parede que nos amosan a antigüidade do conxunto. Un deles é un modillón, unha peza de pedra que xa desde a época romana se empregaba nas edificacións para soster as cornixas e que aparecía adornado con simples molduras ou motivos alegóricos, e que quizais proceda dunha primitiva igrexa visigótica. Outro modillón serve de lintel nunha porta da fachada sur da abadía, aínda que neste caso a parte gravada está colocada cara o interior.
O outro elemento consiste nunha inscrición na que aparecen datos relacionados coa época e co mestre canteiro que dirixiu a construción. A pedra sufriu unha rotura vertical, con desaparición parcial da súa estrutura, polo que nos amosa perda de grafías e a datación incompleta, aínda que puidera situarse cara finais do século X, e quizais se corresponda co remate das obras de construción do primitivo cenobio.
Foi un mosteiro familiar ou de herdeiros ata o último terzo do século XI, data na que o conde Rodrigo Muñiz, fillo do primeiro matrimonio do conde Munio Rodríguez con Ximena Ordóñez, e a súa media irmá Elvira- filla esta de Munio Rodríguez e Aldara Velázquez-, xunto co marido desta, Paio Gómez de Carrión, o ceden definitivamente aos monxes da orde beneditina coas súas herdades e servidume.
Nas primeiras décadas do século XII, o rei Afonso VII, pola salvación da súa alma e da dos seus ascendentes, dóalle ao Mosteiro de Ferreira e á condesa dona Maior Gontroda Rodríguez, “pro uestro fideli servicio”, o couto monástico de Ferreira de Pallares, que abranguía amplamente as actuais freguesías de Nespereira e Vilaxuste, no concello de Portomarín, e as de Ferreira de Pallares, Vilamerelle, Guntín e Pradeda no de Guntín de Pallares. A partir de agora, o mosteiro non só é independente, senón que exercerá a “xurisdición civil e criminal, mero e mixto imperio” nos seus dominios. Do señorío xurisdicional e da vasalaxe obterá importantes ingresos, así como unha considerable man de obra barata que lle permita a explotación das propiedades. Estas aumentarán de xeito cuantioso a base de doazóns, compra-vendas, testamentos e, en menor medida, permutas.
Porén, a finais do século XV esmorece o esplendor da abadía, polo que entrou de cheo na reforma dos mosteiros galegos que impulsaron os Reis Católicos e foi anexionado ao de Samos no ano 1518, en virtude dunha bula do Papa León X. A situación do cenobio non era demasiado prometedora, posto que na mesma bula dise que había escaseza de monxes e, por conseguinte, de vida regular. Perde a condición de abadía e convértese en priorado dese mosteiro. En Ferreira unicamente quedarán tres monxes, que tamén se encargarán de rexer as parroquias de Entrambasaugas, Vilaxuste e a propia Ferreira. Desta maneira permanece ata 1821, ano no que comeza o proceso de desamortización e é privado dos numerosos bens que posuía, incluída a ferrería que os monxes de Samos construíron en 1635 a carón do río Ferreira. Dende entón, mantense como unha parroquia máis do rural galego.
Con todo, a partir de 1589 e ata mediados do século XX, mercé á creación da Confraría da Nosa señora do Rosario, Ferreira converteuse nun importante centro de peregrinación mariana de toda a comarca e chegou a acadar máis de dous mil confrades e importantes achegas económicas e en cera.