Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares
Casa Reitoral de Ferreira, 6 - 27211 - Guntín (Lugo)
+34 982 320 056
info@asociacionmosteirodeferreira.es
Certame de Investigación Condado de Pallares 2016
X Certame de Investigación Condado de Pallares
A presentación da nova edición do Certame de Investigación Condado de Pallares, que se celebra por décimo ano consecutivo foi a cargo da Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez García, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez , o xefe da Zona Sur de ABANCA, Alberto López Sánchez, e o rexedor municipal de Taboada, Ramiro Moure Ansoar, entre outras autoridades.
Neste Certame poden participar todas as persoas que o desexen, presentando escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa do 2003 sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos Concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo, as cinco localidades que integraban o Condado de Pallares no medievo.
O prazo de entrega dos traballos rematará o día 2 de novembro. O traballo gañador será premiado con 3.000 euros, a parte de ser publicada dito traballo.
A continuación amósanse as bases :
- Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
- A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.
- Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa Reitoral, Nº 6 – Ferreira de Pallares – 27211 Guntín (Lugo), indicando no sobre: X Certame Condado de Pallares. O prazo de presentación rematará o 2 de novembro de 2016.
- Establécese un único premio de 3.000 euros que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
- O Xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institucións que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.
- O Xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 26 novembro.
- O acto de entrega do citado premio será na Casa de Cultura de Taboada no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
- As institucións convocantes resérvanse todos os dereitos sobre o traballo gañador, incluído o da súa publicación na primeira edición sempre e cando as achegas económicas permitan a publicación do mesmo. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.
- Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.
- A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.
Reputados membros no xurado
Entrega do premio da X Edición do Certame de Investigación Condado de Pallares:
A X Edición do Certame de Investigación Condado de Pallares tivo como gañadora á Historiadora Tamara González.
Pilar Porto, Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía participou o venres 16 de decembro na entrega do premio desta X edición. No acto tamén participaron os Alcaldes do Concello de Guntín, Taboada e Chantada, o Presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Carlos Vázquez García, entre outras autoridades.
Tamara González López, recibiu un diploma e un cheque por valor de 3.000 euros. Ademais, a gañadora desta edición verá publicado o seu traballo, que o xurado, composto por Carlos Baliñas Pérez, Gonzalo Francisco Fernández Suárez e Fernando Arribas Arias, profesionais do sector cunha ampla traxectoria, destacaron a calidade da investigación sobre unha temática e unha época aínda non ben desenvolvidas no ámbito do Condado de Pallares.