CERTAME DE INVESTIGACIÓN 2017

XI EDICIÓN CERTAME DE INVESTIGACIÓN CONDADO DE PALLARES

O Certame Condado de Pallares, por undécimo ano consecutivo, impulsa a investigación humanística en galego contando co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por medio das Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura.

A presente edición presentouse no Museo Provincial de Lugo coa asistencia do presidente da Asociación, Carlos Vázquez; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; a Deputada Provincial de Cultura, Pilar García Porto, o alcalde de Guntín, Xesús Carreira e o tenente alcalde de Taboada, Luís Gómez.

García Gómez fixo fincapé na importancia de divulgar e afondar a investigación humanística en lingua galega por medio deste certame xa que en palabras súas “é un dos máis recoñecidos no ámbito dos premios galegos de investigación porque grazas a el xerminan interesantes e valiosos traballos de investigación ó redor do patrimonio lingüístico, artístico, antropolóxico e etnográfico do Condado de Pallares”.

Antes do 31 de outubro os participantes deben presentar os escritos orixinais e inéditos, en galego, sobre temas históricos, lingüísticos, arqueolóxicos, artísticos, antropolóxicos ou etnográficos do ámbito territorial das localidades que integraban o Condado de Pallares: Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.

Os concellos de Guntín, Taboada e Chantada; a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación ABANCA colaboran no premio para o autor ou autora da obra gañadora, unha dotación económica de 3.000 euros  incluíndo tamén a publicación do seu traballo

Toda a información e as bases poden consultarse no Portal da Lingua Galega  www.lingua.gal  e nas seguintes imaxes

 

 

PRESENTACIÓN DO LIBRO DO XI CERTAME DE INVESTIGACIÓN CONDADO DE PALLARES

O día 25 de xuño, na igrexa de Portomarín, tivo lugar a presentación do libro premiado no XI Certame de Investigación Condado de Pallares " Morte e resurrección de tres templos no Condado de Pallares", traballo realizado pola arquitecta Alberta Lorenzo.