Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares
Casa Reitoral de Ferreira, 6 - 27211 - Guntín (Lugo)
+34 982 320 056
info@asociacionmosteirodeferreira.es
A igrexa abacial
De estrutura románica, aínda que xa con elementos que amosan claras tendencias góticas, a súa planta consta de nave e ábsida únicas. A finalización da súa construción sitúase na segunda metade do século XIII (ver fotos).
A Ábsida Exterior
Constitúe a parte máis antiga da igrexa. A cabeceira, de forma semicircular, está dividida en tres tramos por catro columnas. En cada un deles ábrese unha ventá, con arco de medio punto constituído por arquivoltas de molduras lisas e cilíndricas. Os capiteis teñen motivos vexetais e lazadas.O tellado sostense en diversos canzorros con decoración xeométrica, motivos vexetais e zoomórficos. Na parte semicircular sueste, e para contrarrestar a presión exercida pola bóveda, ergueuse un enorme contraforte pegado á parede absidal.
O Interior do Presbiterio
O presbiterio está separado da nave por un amplo arco triunfal de medio punto, aínda que lixeiramente apuntado. Os capiteis teñen decoración vexetal. Neste espazo colocouse unha reixa en 1765.
A bóveda do tramo recto apóiase en dous arcos faixóns. O primeiro susténtase en ménsulas capiteis. O outro é soportado por dúas semicolumnas acaroadas ao muro.
En cada unha das paredes do tramo recto achamos unha lacena con arco de medio punto, utilizadas no seu día como sagrario ou para gardar outros obxectos sagrados. Unha imposta de billetes axadrezados recorre o perímetro absidal, billetes que se repiten na parte superior das arquivoltas das fiestras e lacenas.
A Nave
De planta rectangular, presenta unha extraordinaria amplitude interior, que reflicte a pegada espiritual gótica. O teito é de madeira a dúas augas e apóiase en tres arcos transversais apuntados. O máis próximo ao presbiterio arranca de semicolumnas acaroadas ao muro, con base cadrada e capiteis vexetais. Os outros, fano de pequenas columnas ménsulas coroadas por capiteis. Na parte exterior, o sostemento destes arcos vese reforzado por rexos contrafortes lisos.
O Retablo Maior
De estilo barroco, o actual retablo maior e o seu pedestal foron construídos en 1755. Na parte central, situado enriba do primitivo altar pétreo, atópase o camarín de Nosa Señora a Antiga. Á esquerda, a figura de San Xulián; á dereita, a de Santa Basilisa; na parte superior, a de San Rosendo. Foi restaurado no ano 2008. Fóra do retablo, á esquerda está a imaxe do Sagrado Corazón de Xesús e, á dereita, a Virxe do Rosario.
A Capela dos Taboada
Construída a mediados do século XV, ábrese no muro sur da igrexa mediante un arco oxival, perfilado por molduras lisas cilíndricas. A parte dereita arranca dunha cabeza humana, mentres que a esquerda faino dun anxo. Na clave, aparece outra figura humana de medio corpo, que sostén nas súas mans un libro aberto. O seu interior, de planta cadrada, cóbrese con bóveda reforzada nos seus cantos por un conxunto de nervios adornados con molduras. No lateral sur, áchanse dous arcosolios, de arco apuntado que albergan dous sepulcros con estatuas xacentes. O da esquerda representa a unha dama e o da dereita a un cabaleiro. Na súa fronte aparecen os escudos dos Taboada, dos Camba e dos López de Lemos.
A Porta Principal
Consta de arco abucinado de medio punto, formado por tres arquivoltas, con molduras lisas cilíndricas e contornado por outra moldura de billetes. A arquivolta interior ornaméntase con rosetas en cuadrifolio e con perlas colocadas en grupos de tres.
Os tres pares de columnas que sustentan as arquivoltas apóianse en plintos con diferente ornamentación e coas características garras. Os anchos capiteis posúen diversos adornos con motivos vexetais, antropomorfos e zoomórficos.
O tímpano é liso. Susténtase en dúas mochetas que levan unha fina tira decorativa que se estende polo lintel e as xambas.
A Porta Norte
Aínda que na actualidade está tapiada, posúe unha dobre arquivolta formada por arcos de medio punto con canto cilíndrico. A interior adórnase con rosetas e bólas no intradorso, e con pequenas ovas en grupos de tres no extradorso. Apóiase en columnas de base cadrada, coroadas por capiteis decorados con follas de acanto. O tímpano, liso, sostense en dúas mochetas perfiladas por unha fina moldura redonda que continúa polas xambas, a semellanza da porta principal,
A Porta Sur
Constituía a porta de comunicación co cenobio. É similar á porta norte, aínda que ten unha decoración máis rica. Consta de dúas arquivoltas de medio punto formadas a base de toros. A menor susténtase en dúas columnas monolíticas que rematan en capiteis adornados con bólas, o esquerdo, e follas estilizadas, o dereito. O extradorso órnase con rosetas, que tamén se prolongan polas xambas, mochetas e base do tímpano. Este presenta a escultura do Año Divino portando unha cruz procesional. A segunda arquivolta está formada por molduras concéntricas.
O Claustro
De forma cadrada, pertence ao Renacemento avanzado. En cada lado ten catro columnas e dúas semicolumnas acaroadas ás paredes de unión dos respectivos laterais. As súas bases son cadradas ou octogonais, e aparecen decoradas con molduras circulares lisas. Os arcos son rebaixados.
Abeirados á parede norte atópanse dous sartegos medievais. O da dereita pertence ao conde Munio Peláez; o da esquerda, contén os restos de Ares Pérez de Taboada e do seu fillo Lopo.
A Torre
Construíuse nos primeiros anos do século XIX. A sinxeleza dos tres primeiros contrasta coas pretensións artísticas dos outros dous. No cuarto, rematado cunha elegante e saínte cornixa, ábrense catro ocos en arco de medio punto. Sobre este, aséntase un quinto corpo de igual estrutura, aínda que de menor tamaño, coroado por unha pequena e esvelta cúpula que remata nun pináculo.
A Fonte de Nosa Señora
A escasos metros do conxunto, áchase unha fonte que verte as súas augas nun fermoso sartego alto medieval.